A CGENDL pide que se garanta unha "competencia plena" en galego ao acabar a ESO
"Faise necesario aplicar os principios xerais da Lei de Normalización Lingüística e que, sen renunciar ao obxectivo do plurilingüismo, se garanta que o alumnado adquira unha competencia plena en lingua galega ao finalizar a Educación Secundaria Obrigatoria", indica a citada coordinadora nun comunicado.
A CGENDL fixo público este luns un escrito en relación coa situación da lingua galega tras a sentenza do TSXG contra dúas disposicións do decreto que regula o ensino do galego na educación non universitaria.
Entre outras consideracións, a citada entidade opina que o Goberno galego "debe reconsiderar" as estratexias de promoción do galego e "debe asumir como deber inescusable as potencialidades que posúe o sistema educativo como axente efectivo, tanto para a normalización do galego como para a integración social e comunitaria".
No comunicado a CGENDL avoga por que "a Xunta e os seus portavoces ante a sociedade deixen de fomentar preconceptos en contra da promoción social do galego", ao entender que "deben actuar con enorme responsabilidade e altura política nun momento moi crítico para a transmisión intergeneracional" do galego.
Por iso, avoga por que as autoridades educativas fomenten "sen complexos" a presenza do idioma en calquera materia, principalmente, sinala, nas científicas e tecnolóxicas, "e que lles permitan adoptar aos centros aquelas medidas normalizadoras que se adapten ao seu contexto e impliquen, na medida do posible, a toda a comunidade".
Entende a CGENDL, segundo consta no escrito, que "certos posicionamentos públicos" da Xunta "non contribúen a reconducir a política lingüística cara a un necesario enfoque pedagóxico".
Así, afirma que "os usos da lingua galega en educación non universitaria polo momento seguen rexidos polo decreto do plurilingüismo", apoiado –di– en dúas ideas "base": "a presunta posibilidade de elección –por parte das familias– da lingua de educación para os seus fillos" e "o hipotético dereito do alumnado a usar a lingua da súa preferencia, independentemente da lingua vehicular de cada materia".
Indica ademais a CGENDL que a Xunta "segue empeñada en realizar a consulta ás familias", e entende que o Goberno autonómico "non pode menosprezar a legalidade e pretender determinar a lingua en educación infantil a través de ningunha enquisa, tal e como se fixo en cursos anteriores", ao entender que "non respecta" o artigo 13.1 da Lei de normalización lingüística nin o establecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".
Outra das consideracións da citada coordinadora é que desde a Administración autonómica se lle pide ao profesorado "flexibilidade" para que se lles permita aos alumnos empregar a lingua da súa preferencia, pero subliña que non se pode esquecer que persiste unha situación social de enorme desigualdade entre galego e castelán, a favor desta última, "propiciada tanto por prexuízos históricos como por posicionamentos políticos e mediáticos moi agresivos contra as linguas minorizadas".
Información tirada de Galicia Hoxe.
- Tags:
- CGENDL Xunta normalización